Sunday 19 de May de 2024

Inés Rey reivindica unha sanidade pública máis forte no 50 aniversario do CHUAC


A alcaldesa destacou o convenio asinado coa Xunta para a financiación do novo CHUAC que contará cunha importante achega económica por parte do Concello

Inés Rey: “O noso compromiso con este hospital vai moito máis alá das competencias”

A alcaldesa, Inés Rey, interviu esta tarde na gala do 50 aniversario do Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) celebrada en PALEXCO. A rexedora dedicou a súa intervención ao profesional sanitario, sinalando a pandemia como un dos momentos máis difíciles e reivindicando unha mellora nas condicións laborais do sector. “Sodes vós os que facedes deste Hospital unha referencia e un motivo de orgullo e somos as administracións as que debemos traballar para que aqueles que nos protexedes a nós, tamén vos sintades protexidos” explicou.

Inés Rey tamén destacou a colaboración coa Xunta de Galicia para a creación do Novo Chuac, asinando o convenio para a financiación que contará cunha importante achega económica por parte do Concello. “O noso compromiso con este centro vai máis alá das competencias” sinalou. Puxo de exemplo a candidatura da AESIA como modelo de traballo conxunto coa administración galega e lembrou que “en calquera mellora da sanidade pública, a Xunta sempre terá en nós a un aliado, e aqueles que menoscaben o noso sistema sanitario, atoparanos en fronte” concluíu.

Rey destacou o compromiso do seu Goberno coa sanidade pública e a necesaria inversión non só en novos hospitais, senón tamén en dotar ao sistema sanitario de máis recursos humanos e na mellora das condicións dos seus traballadores, aos que trasladou o seu apoio e agradecemento pola súa vocación de servizo público.